Monday 13 de May de 2024

A Pobra afianza a aposta polo turismo náutico coas viaxes en veleiro


O veleiro Mascato volverá navega-las augas da ría da Arousa, coa saída dende A Pobra do Caramiñal. A concelleira do Turismo en funcións, Charo Varela, explica que o reforzo do turismo náutico é unha das liñas de traballo por seguir para diversifica-la oferta de actividades para o verán de 2023.

Neste senso, ás travesías en catamarán para coñece-lo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas toca suma-la experiencia da navegación a vela que posibilita aprecia-lo patrimonio medioambiental, marítimo e paisaxístico dende outra perspectiva.

As excursións pola costa terán lugar aos sábados e domingos dos vindeiros dous meses. Serán nos días 15, 16, 22, 23, 29 e 30 de xullo; e 5, 6, 12, 13, 19 e 20 de agosto. A duración do traxecto é dunha hora e media e as saídas establécense en quendas de mañá e de tarde: ás 11.00, 13.00, 17.00 e 19.00 horas.

O prezo é de 15 euros por persoa adulta, mentres que para menores de 12 anos se reduce aos 10 euros, cun desconto para as familias.

As prazas son limitadas e deberase efectua-la reserva previamente no punto de información turística -situado na Casa Mariñeira-, no enderezo electrónico turismo@apobra.gal ou nos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.